O Consello de Administración do Porto de Marín licitará en datas próximas a redacción dun Plan Estratéxico co fin de establecer un modelo de desenvolvemento co horizonte temporal de 2019-2023.
O porto pechará este último exercicio sumando récords históricos positivos, cun tráfico de mercadorías que se achega aos dous millóns e medio. Pero a alta competitividade que rexistra este sector esixe afrontar o futuro con previsión polo que a Autoridade Portuaria aprobou a redacción dun novo plan estratéxico para establecer as prioridades e as liñas de acción a acometer tanto pola administración pública como polas empresas privadas.
O impacto socio-económico da rada marinense na comarca foi cuantificado en máis de 13.000 empregos entre directos, indirectos e inducidos.
O Consello de Administración tamén aprobou na súa última sesión do ano a solicitude presentada por unha naviera de pasaxe para levar grupos organizados á Illa de Ons.