Caldas aprobará unha baixada de impostos para axudar a superar a crise aos ses veciños e empresas

Umia
23 de outubro 2020

O goberno local levará ao próximo pleno a exención das taxas de terrazas e taxis, así como a redución do pago por ocupación de espazos de ambulantes e placeiros ademais do descenso universal dun 10 % no tributo pola recollida de lixos

Casa do Concello de Caldas
Casa do Concello de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas levará ao próximo pleno a modificación de diversas ordenanzas fiscais para o próximo exercicio nas que contemplan a conxelación de taxas e a aplicación de numerosas rebaixas e exencións en diversos tributos para beneficiar a algúns dos sectores máis prexudicados pola crise económica da covid-19.

O alcalde Juan Manuel Rey destacou que "estamos diante dunha aposta clara do Goberno por diminuír a presión fiscal nun momento de dificultade económica, coa que encadeamos nove anos sen subir ningún imposto nin taxa en Caldas pero, ademais, introducimos exencións ou reducións importantes en tributos que afectan ao conxunto da cidadanía e a aqueles sectores que máis están sufrindo as consecuencias da crise".

Entre os impostos para modificar atópase a exención total das taxas de terrazas e toldos para a hostalería, a exención do tributo por prestación de servizos por licenza de taxi, rebaixa do 50 % por ocupación da vía pública para os vendedores ambulantes e para os placeiros do mercado de abastos. Ademais do desconto dun 10 % para toda a cidadanía e negocios no recibo do lixo.