Caldas aumenta dos seis aos oito millóns de euros o seu orzamento municipal de 2024

Umia
12 de maio 2024

O goberno de coalición de PSOE e BNG destaca que son unhas contas "históricas" e "con marcado compoñente social" nas que Deportes, Cultura e Servizos Sociais experimentan os maiores incrementos

Manuel Fariña e Juan Manuel Rey
Manuel Fariña e Juan Manuel Rey / Concello de Caldas de Reis

O Orzamento do Concello de Caldas de Reis para 2024 subirá un 33% con respecto ao ano pasado, pasando dos seis aos oito millóns de euros. Así o anunciou o equipo de goberno de coalición que, da man do alcalde Juan Manuel Rey (PSOE) e o tenente de alcalde Manuel Fariña (BNG), subliñaron que se trata dunhas contas "históricas" e "con marcado compoñente social", xa que os departamentos que maior subida experimentan son os de Deportes, Cultura e Servizos Sociais.

Os dous mandatarios indicaron que as características máis destacadas do proxecto de orzamentos "é que é á vez ambicioso e realista, cun marcado carácter social e garantista dos servizos públicos", ao tempo que subliñaron que "hai un reto ilusionante por diante que é atender cada vez mellor as necesidades das veciñas e veciños de Caldas, prestar servizos públicos de calidade, e cumprir os compromisos cos que concorremos ás pasadas eleccións municipais integrados no pacto dun goberno de coalición".

Explicaron que o aumento dos ingresos para o Concello débese á subida na participación en Tributos do Estado e doutras administracións, e aos impostos municipais, que, xunto coas taxas e prezos públicos, non sufriron ningunha modificación á alza a diferencia das importantes subas que teñen aplicado outros municipios da provincia.

A maior parte dos fondos municipais, como é habitual, irán para o capítulo de gastos correntes e de persoal, sen embargo en canto aos principais aumentos, destaca unha boa subida destinada aos Servizos Sociais. En concreto, haberá un incremento da partida para garantir o Servizo de Atención ao Fogar e prestalo con calidade a toda a veciñanza. Apunta Rey que ata o de agora os prezos pagados polo Concello estaban desfasados e será necesario licitar a adxudicación dun novo contrato. O rexedor destaca que o concello quere garantir todas as horas necesarias ás persoas usuarias da dependencias ante a alta demanda dos servizos. Subliñou, por outra parte o importante investimento que se realizará en saneamento do rural para garantir a calidade de vida de toda a veciñanza.

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Deportes, Cultura e Turismo, Manuel Fariña salientou que eses departamentos chegarán ata o 1,6 millóns de euros (preto dun 20% máis), nos que se incluirán, entre outros, melloras no campo de fútbol das Corticeiras ou a instalación dunha pista multideporte e elementos biosaudables na zona da Tafona.

Con respecto ao Deporte, Fariña quixo destacar tamén o orzamento reflicte a firme aposta do equipo de goberno polo fomento e promoción, cun incremento considerable para actividades que atraen xente á vila. "O turismo deportivo é unha modalidade de turismo que confirma o seu ascenso imparable. O deporte converteuse é un dos mellores aliados do turismo e da dinamización económica", engadiu, para subliñar que "o mesmo sucede co turismo e a cultura" cuxas partidas tamén experimentan un aumento considerable con respecto ao exercicio anterior.