Caldas completa a rede de saneamento no núcleo de Segade de Arriba

Umia
03 de xuño 2020

O proxecto, valorado en 150.500 euros e financiado pola Deputación, inclúe a conexión da antiga fábrica de luz á rede coa perspectiva da súa futura rehabilitación

Obras de saneamento na localidade de Segade de Arriba, no concello de Caldas
Obras de saneamento na localidade de Segade de Arriba, no concello de Caldas / Concello de Caldas

As obras de ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga no núcleo rural de Segade de Arriba, en Caldas, xa están terminadas para dar servizo a preto dun centenar de veciños.

O alcalde, Juan Manuel Rey, asistiu ás probas de bombeo que se realizaron este mércores de forma satisfactoria. "Con estas obras mellóranse moito as condicións de vida neste lugar e aproveitouse para realizar algunhas obras complementarias co obxecto de acondicionar mellor toda esta zona xunto ao río Umia”, declarou o rexedor.

Os traballos serviron para prolongar a rede de saneamento municipal de augas fecais e a instalación de varios tramos de colector ao que xa están conectadas máis dunha trintena de vivendas. Así mesmo, foi ampliada a rede de abastecemento de auga potable seguindo o mesmo trazado que a de saneamento.

A obra serviu tamén para conectas a ambas as redes a antiga fábrica de luz, xunto á fervenza de Segade, coa perspectiva da súa futura rehabilitación. As obras contaron cun orzamento de 150.500 euros, financiado pola Deputación e tiveron unha duración de nove meses.

"Neste primeiro ano de mandato xa se executaron obras de mellora da rede de saneamento e de separativo de pluviais por valor de máis de 280.000 euros, o que mostra o forte compromiso ambiental e co rural do Concello de Caldas”, declarou o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González.