Caldas de Reis contará cun novo centro de fabricación avanzada de lácteos, promovido por Clesa e a Xunta

Umia
10 de decembro 2020

O proxecto implicará a pequenas e medianas empresas destinadas a mellorar os procesos térmicos e de envasado, coa idea de non depender de factorías de fóra de Galicia. O investimento total para a infraestrutura será de 5,38 millóns de euros, dos que 2,5 serán aportados pola Xunta de Galicia

Factoría de Clesa, en Caldas de Reis
Factoría de Clesa, en Caldas de Reis

2,5 millóns de euros destinará a Xunta de Galicia para crear un novo centro de fabricación avanzada, destinada á produción láctea, que impulsa a Agrupación de Cooperativas Lácteas (Acolat) pertencente á firma Clesa, e que se instalará no municipio de Caldas de Reis, onde xa se atopa a factoría especializada en iogures e produtos de sobremesa.

Este proxecto buscará o desenvolvemento da base industrial en termos locais para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas (pemes), segundo informan desde a Xunta de Galicia. No Consello de la Xunta tratábase o tema este mércores indicando que se poñerá en marcha esta nova infraestrutura que contará cunha cifra total de investimentos de 5,38 millóns de euros.

A intención da iniciativa é que grandes empresas, con capacidade financeira, promovan a creación e o uso de centros de fabricación de forma aberta e compartida entre as pemes na contorna onde se establecen.

Acolat promove esta proposta destinada á produción láctea. Implantarase no municipio de Caldas de Reis coa creación dun centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido e de longo período de conservación. Será, segundo a Xunta, unha factoría altamente especializada que ofrecerá servizos para terceiros en áreas de formulación, envasado e manipulado de produtos derivados lácteos animal e/ou vexetal.

A Xunta achegará 2,5 millóns de euros para a creación desta infraestrutura coa idea de mellorar os procesos térmicos e de envasado para as empresas do sector que exportan os seus produtos. Desta forma, tentan que non se dependa de empresas externas e prepárese todo en Galicia, rebaixando os gastos de produción e de loxística.