Caldas de Reis fai seguimento dos máis de 2.500 maiores de 65 anos do municipio

Pontevedra
20 de abril 2020

Realizaron nestas semanas máis de 400 intervencións para comprar alimentos, medicinas, produtos de primeira necesidade, ou visitas a domicilio, entre outros servizos

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis / Mónica Patxot

O Concello de Caldas, desde o inicio do estado de alarma, contactou cos máis de 2.500 veciños maiores de 65 anos para coñecer a súa situación e dar a prestación que no seu caso puidesen requirir. Esta xestión do departamento de Benestar Social pretende prestar especial atención a uns dos colectivos de poboación máis vulnerable para os efectos da pandemia. 

Das 108 persoas maiores de 70 anos que viven soas, están a recibir atención practicamente a metade, 50. Hai outros 227 matrimonios de maiores de 75 anos, dos que se está atendendo a vinte. E das 120 persoas con idades entre 60 e 70 anos, están a necesitar seguimento semanal vinte deles. Esta prestación supuxo máis de 400 intervencións directas para comprar alimentos, medicinas, produtos de primeira necesidade, ou visitas a domicilio, entre outros servizos. 

Doutra parte están operativas dúas liñas telefónicas especiais para atender apoio psicolóxico ante situacións de crise, ansiedade, atención de maiores, persoas con enfermidades crónicas ou aquelas que estean a pasar duelo por perda dalgún familiar. Tamén se está facendo seguimento telefónico da poboación que está na base de datos do CIM.

Reforzaron a atención ás familias incluídas no programa de educación familiar, o programa de alimentos; e un control especial para os casos do Servizo de Axuda no Fogar, Teleasistencia e segue activo a distancia o Hogar do Maior.

Esta situación excepcional ha conlevado poñer en marcha outras actuacións desde Benestar Social como entregas a domicilio de talleres, actividades deportivas, tarefas escolares e a apertura da canle virtual ' Caldas Senior' a través de Facebook.

A concelleira desta área Inés Fuentes apuntaba "o esforzo especial de todo o departamento, a colaboración de Policía Local e Protección Civil para garantir o benestar social da poboación durante a crise e previr calquera situación de risco social".