Caldas de Reis inaugura o entroido cun desfile

Umia
16 de febreiro 2023

Este domingo 19 comezará o entroido en Caldas de Reis cun desfile que sairá do paseo Román López ás 17:00 horas

María López Buceta, concelleira de Cultura
María López Buceta, concelleira de Cultura / Concello de Caldas de Reis

Dá comezo o entroido este domingo en Caldas de Reis. O municipio inicia estas festas co Desfile de Entroido, que sairá ás 17:00 horas do paseo Román López e seguirá polas rúas principais.

Este desfile contará coas seguintes categorías: carrozas; centros educativos e ANPAS; mellor animación; individual; parellas e, por último, grupos. Nestas tres últimas modalidades hai premios por separado para adultos e para participantes infantís.

Cada categoría conta cuns premios económicos. Nas modalidades de animación e en carrozas hai dous premios. O primeiro posto na modalidade de carrozas gañará 300 euros e o segundo 120 euros . En cambio, na categoría de animación, ao primeiro posto daráselle 90 euros e ao segundo 60 euros

Na categoría de parellas, o primeiro premio ten un valor de 120 euros, o segundo 90 e o terceiro de 60 euros, tanto para adultos como para nenos. Mentres que os galardóns na modalidade de individual son de 90 euros, a primeira recompensa, 60 euros, a segunda recompensa, e 30 euros, a terceira recompensa. 

Os premios máis grandes daranse nas categorías de grupos e na de centros educativos e ANPAS. Nestas modalidades hai catro recompensas, a primeira é de 300 euros; a segunda de 210 euros; a terceira de 170 euros e a última de 100 euros

A parte deste evento, o Concello de Caldas programa para o venres 24 de febreiro o "Enterro da Sardiña", un evento festivo que se iniciará ás 21:00 horas na Praza da Alhóndiga.