Caldas de Reis recoñece o mérito dos seus mellores estudantes

Umia
11 de xullo 2024

Celebrouse un acto de recoñecemento co alumnado cos mellores expedientes. Manuel Fariña, concelleiro de Educación, subliñou que esta iniciativa "veu para quedar" e destacou a importancia da educación como un eixo fundamental para o futuro da sociedade

Estudantes recoñecidos en Caldas polo seu nivel académico
Estudantes recoñecidos en Caldas polo seu nivel académico

O Concello de Caldas de Reis celebrou un emotivo acto para recoñecer o mérito académico dos estudantes que remataron etapa educativa nos centros da vila termal durante este curso. A iniciativa, organizada pola Concellería de Educación dirixida por Manuel Fariña, destacou os mellores expedientes de ESO, Ciclos Formativos, Bacharelato e Estudos Superiores de Música.

Manuel Fariña, concelleiro de Educación, subliñou que esta iniciativa "veu para quedar" e destacou a importancia da educación como un eixo fundamental para o futuro da sociedade. "As administracións teñen a obriga de coidala e promovela para garantir o progreso", afirmou.

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, expresou o seu orgullo polos éxitos acadados polos centros educativos da vila, resaltando o esforzo de docentes, equipas directivas e estudantes.

Os centros educativos recoñecidos inclúen o CPI Alfonso VII, o IES Aquis Celenis, o CPR San Fermín, o CEIP San Clemente, o CPR Encarnación e a Escola de Música Municipal de Caldas.

Os estudantes galardoados foron:

  • Alejandro Campo Herbés: Premio Extraordinario da ESO do curso 22/23
  • Pedro Muñiz González, Sabela Constenla Blanco, Roi Barreiro Padín: Mellores expedientes da ESO do curso 23/24
  • Laura Ferreiro Torres, Ángel Caeiro Nieto, José Ramón Ferreirós Gómez: Mellores expedientes de Ciclos Formativos do curso 23/24
  • Bruno Figueiro Romay, Uxío Figueiro Reboredo: Estudantes do Bacharelato de Excelencia (STEMBach)
  • Carmela Barreira López, Lía Rivadulla Pazos: Mellores expedientes de Bacharelato do curso 23/24
  • Anxo Blanco Maquieira: Mellor expediente caldense do Título Superior de Música do curso 23/24

Con este acto, o Concello de Caldas de Reis pechou o curso escolar, celebrando a excelencia académica e o compromiso dos seus estudantes e centros educativos.