A concellaría de Deportes de Caldas de Reis estreou este sábado 22 de febreiro a nova pista multideportes da Tafona.
A inauguración, que debía realizarse o 8 de febreiro, atrasouse polos danos causados nas obras, celebrouse por fin este fin de semana con torneos de partidos amistoso de baloncesto e voleibol nos que participaron decenas de nenos e nenas.
Entre eles estiveron os deportistas do club As Urracas e as persoas que xogan no pavillón municipal, substituíndo así o seu tradicional adestramento cuberto por actividade ao aire libre.
Segundo indicou o tenente de alcalde, Manuel Fariña, o recinto "moderno e polivalente" estará a disposición da veciñanza para que faga deporte de forma "cómoda e segura" ao aire libre.
O espazo conta cunha cancha de resina epoxídica sobre a base da actual, canastras, portarías, postes e unha rede central móbil de materiais antivandálicos que precisan case nulo mantemento.
A zona de xogo ten unhas dimensións de 20x10 metros e dispón dun peche perimetral dun metro de altura aberto polos fondos tras as portarías, por onde se entra.
Este novo equipamento permitirá a práctica de diferentes deportes, máis aló do fútbol, abríndose a outras modalidades como o balonmán, o baloncesto, o voleibol e outros deportes de rede.
O seu uso será público e gratuíto.