Entran na pista da Tafona estragando a cancha aínda sen estrear

Umia
03 de febreiro 2025
Actualizado: 16:45

Os danos nas obras da nova pista multideportes obrigan a adiar a súa inauguración. Será necesario retomar dende o inicio a aplicación das capas do pavimento

Concello de Caldas de Reis
Concello de Caldas de Reis / Mónica Patxot

A inauguración da nova pista multideportes da Tafona en Caldas non poderá ser este sábado. Así o vén de anunciar o tenente de alcalde responsable de Deportes, Manuel Fariña, debido aos danos producidos nas obras durante a fin de semana.

O responsable municipal explica que durante a pasada semana a empresa responsable da instalación, aproveitando o bo tempo, estivera aplicando varias capas da resina do pavimento e deixara a pista valada e asegurada con arames para cortar o paso e que secase sen ningún tipo de contacto.

A pesar de todo, o persoal da firma chegou hoxe para continuar o traballo e atopou con que o valado estaba aberto e a pista totalmente danada con pisadas e rabuñaduras por toda a superficie.

Esta situación, segundo Fariña, obrigou a que durante a mañá deste luns, en lugar de estender unha nova capa de produto tal e como estaba previsto no cronograma de traballos, a empresa tivera que retomar a montaxe dende cero: primeiro lavar toda a pista e lixar todas as mans da cobertura do piso aplicadas previamente e despois volver dar a primeira capa da resina, que terá que secar sen que se lle toque para seguir co proceso.

Dado que todo o traballo adiantado ficou estropeado, e dado que os días que restan ata o sábado non serán suficientes para que a pista estea seca e lista para utilizar, Fariña lamenta que non será posible realizar a estrea cos torneos de baloncesto e voleibol organizados para inaugurar as instalacións deportivas este sábado día 8.

"Demorar a estrea é unha cuestión de forza maior porque a instalación ten que estar finalizada con todos os parámetros de calidade. O Concello non pode recibir a obra sen que estea en perfectas condicións", apunta Fariña, quen non quere achacar o que pasou a un acto de vandalismo, senón ao descoñecemento de que entrar na pista durante a fin de semana tería como consecuencia estragar toda a cancha porque aínda non estaba finalizada.

"Probablemente quen entrou só quería xogar un partido, pero pido un pouco de paciencia porque as obras necesitan o seu tempo", subliñou.

Fariña evitou poñer nova data para a estrea da pista. Na xornada deste luns estudarase o calendario coas persoas organizadoras e participantes dos torneos para ver a posibilidade de retomar os partidos amigables ou, no seu caso, abrir de maneira directa ao uso público definitivamente as instalacións.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora