O Concello de Caldas de Reis anunciou o comezo dos traballos para a recuperación da pista multideportiva da Tafona.
O proxecto, impulsado pola necesidade de revitalizar esta infraestrutura, busca devolver aos veciños un lugar en condicións para a práctica de diferentes disciplinas deportivas como fútbol sala, baloncesto e voleibol, entre outras.
O goberno local destaca que esta pista da Tafona constitúe tamén "un lugar de integración social" e coa súa recuperación "volverá estar ao servizo da comunidade".
Os traballos, que contan cun orzamento de licitación que rolda os 30.000 euros, están previstos para finalizar este mes de xaneiro.
O alcalde Jacobo Pérez Gulín, manifestou que "con esta actuación buscamos non só renovar a infraestrutura, senón tamén promover valores como o deporte e a convivencia".
"Queremos que todos os cidadáns gocen dun espazo moderno, accesible e seguro" engadiu o rexedor.