Caldas mellora o vial interior do núcleo de San Martiño

Umia
01 de outubro 2020

A obra, que debe estar concluída no mes de outubro, consiste na renovación do pavimento e a conexión de todos os solares á rede de saneamento

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visita as obras do vial do núcleo de San Martiño
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visita as obras do vial do núcleo de San Martiño / Concello de Caldas

O Concello de Caldas está a acometer labores de acondicionamento no vial interior do núcleo de San Martiño. Ata o lugar desprazáronse este xoves o alcalde Juan Manuel Rey, acompañado polos concelleiros Manuel González e Jacobo Pérez para comprobar o avande das obras.

Cun orzamento de 52.400 euros subvencionados pola Xunta, o proxecto afecta a 340 metros de vial que contará cunha plataforma única de formigón en cor ocre combinado con franxas perpendiculares e lonxitudinais de granito. Así mesmo instalaranse contedores enterrados e redes de sumidoiros con reixa. A actuación debe estar rematada en outubro.

A intervención aproveitarase para levar a cabo de oficio as acometidas para o saneamento dos diferentes solares.