Caldas pagará a nova depuradora do Fieitoso e a renovación do Campo da Torre con remanentes

Umia
28 de xuño 2025

O goberno local usará o remanente de tesourería para construír a depuradora de O Fieitoso, impulsar un proxecto para dar unha nova vida ao Campo da Torre ou renovar os vestiarios do pavillón

Campo da Torre, Caldas
Campo da Torre, Caldas / Concello de Caldas de Reis

O goberno municipal de Caldas de Reis xa sabe a que vai a destinar preto dun millón de euros do seu remanente de tesourería. A idea é acometer obras "de gran calado", enfocadas fundamentalmente a mellorar infraestruturas.

Así o destacou o alcalde, Jacobo Pérez, que salientou que a xestión económica "responsable e eficiente" que se está a realizar permite usar estes fondos propios para novas actuacións.

Máis do 80% de todos estes cartos irán encamiñados a cubrir unha serie de proxectos sobre os que o goberno caldense xa está a traballar e que, segundo explica Pérez, experimentarán un avance moi importante no que queda de 2025.

Unha das actuacións máis ambiciosas é a construción da depuradora de O Fieitoso, na parroquia de Carracedo, que dará servizo a máis de medio millar de habitantes. Este reforzo na prestación de tratamento de augas contará cun investimento que ascenderá a uns 270.000 euros.

O Concello está pendente de acadar os permisos correspondentes de Augas de Galicia para proceder coa licitación e a adxudicación do proxecto.

Outra obra de gran importancia será a transformación da contorna do Campo da Torre, un espazo que é referente do casco histórico de Caldas de Reis e que é un emprazamento chave dentro do Camiño Portugués cara a Santiago de Compostela.

"Imos darlle unha nova vida a esta zona, cun proxecto co que imos potenciar a patrimonio e a natureza deste enclave", adiantou o alcalde. O orzamento será de 200.000 euros.

No apartado de infraestruturas, hai que salientar tamén os 75.000 euros que se destinarán á renovación e mellora dos vestiarios do pavillón municipal, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións melloradas, máis accesibles e funcionais.

Outro apartado no que pon o foco o goberno municipal á hora de facer uso do remanente é no benestar das persoas maiores. É por iso polo que se investirán 200.000 euros máis no servizo de axuda no fogar (SAF) para potenciar esta prestación social.

A isto, o alcade suma que unha vez rematado o verán entrará o funcionamento o novo Fogar do Maior, emprazado nunhas instalacións máis céntricas, modernas e con prazas de estacionamento próximas, garantindo unha maior calidade de vida dos maiores.