Caldas pecha un Nadal "extraordinario " con "cheo absoluto en todas as actividades"

Umia
09 de xaneiro 2024

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca a "implicación masiva da veciñanza e a valoración positiva da hostalería e o comercio" pola cantidade de xente recibida na vila

Cabalgata en Caldas de Reis
Cabalgata en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas vén de pechar un Nadal "extraordinario" e con practicamente un "cheo absoluto" en todas as actividades da programación ‘Vive o Nadal!’ realizadas entre o 2 de decembro e o 5 de xaneiro. 

O tenente de alcalde Manuel Fariña destacou a "implicación e participación masiva da veciñanza", que encheu as rúas con espírito de Nadal, e subliñou a "valoración positiva da hostalería e o comercio", sectores que se amosaron satisfeitos pola grande cantidade de xente recibida na vila. 

En palabras do nacionalista, "a programación do Concello foi un éxito, pero queremos mellorar máis, polo que as novidades e sorpresas deste ano, así como as propostas de calidade marcarán o camiño a seguir".

Fariña destacou que houbo unha "participación masiva" nos actos programados, facendo non só partícipe das festas a veciñanza do centro de Caldas, senón tamén das parroquias, coa nova proposta do ‘ChocoNadal’, que con rosca, música e chocolate deixou moitas e exitosas sesións de convivencia.

Tamén foron acertos, subliñou o edil, novidades como a Papanoelada moteira solidaria así como a Festa Pre-Fin de Ano. Pero, mención especial fixo Fariña para a Cabalgata de Reis, que este ano volveu contar coa participación da rapazada de Caldas logo de anos de non asistir ao desfile, e que foi un "éxito sen precedentes" de público estreando percorrido e decoración. 

Así mesmo, as propostas de cine, teatro, música, deporte, o mercado de Nadal e as visitas de Papá Noel e Apalpador, tamén tiveron moi boa acollida.

"Houbo un grande abano de entretemento, moita diversidade de eventos para o ocio e a diversión", destacou, para engadir que o Concello deu especial importancia á iluminación e á decoración, coa organización directa do concurso de decoración. 

"Sen necesidade dun incremento extraordinario no gasto supuxo un salto cuantitativo e cualitativo na decoración do Nadal. Con imaxinación e un bo aproveitamento dos recursos, Caldas logrou converter a iluminación de espazos públicos nun atractivo turístico que atraeu ao municipio a un número importante de persoas e conseguiuse que o ambiente sexa fantástico mesmo semanas antes do Nadal", destacou.

Fariña afirma que "a clave estivo tamén na implicación máxima dos diferentes sectores nas celebracións. Tanto a veciñanza, como o comercio como a hostalería entenderon que a reactivación do municipio é cousa de todos", subliñou.

De feito, logo de consultar cos diferentes sectores no día de hoxe, tanto integrantes do comercio e a hostalería amosaron ao tenente de alcalde a súa satisfacción pola gran cantidade de xente recibida.

"Estamos marcando unha tendencia, conseguimos atraer visitantes a Caldas e, unha vez dado este paso, imos seguir con esta liña de traballo, con actividades máis sorprendentes e mellores para atraer xente da comarca e doutras partes", apuntou o responsable municipal, que dixo que "se cumpriron expectativas de afluencia", aínda que recoñeceu que as empresas detectan un grande impacto nos ingresos pola competencia do comercio electrónico.

Fariña quixo agradecer, así mesmo, o traballo, a coordinación e boa organización de todas as persoas implicadas no desenvolvemento do programa de actividades de Nadal, tanto ao persoal do Concello como tamén ás persoas participantes polo bo comportamento que permitiu celebrar as festas sen incidencias.