O Concello de Caldas de Reis vén de emitir un bando municipal, para que todos coidemos a auga e usémola de maneira responsable e racional.
Fixérono porque estamos nunha situación meteorolóxica marcada pola escasez de chuvias e episodios constantes de altas temperaturas.
A previsión é que, polo menos no curto prazo, seguiremos tendo un verán seco e con menos recursos hídricos. Por iso, o alcalde, Jacobo Pérez, pide a toda a veciñanza que colabore e sexa responsable, tanto individual como colectivamente, "para garantir o subministro e o uso dun ben tan imprescindible como é a auga".
O bando inclúe unha serie de medidas a realizar, co obxectivo de garantir unha utilización axeitada deste recurso.
Deste xeito, o Concello lembra que non se debe utilizar a auga da traída municipal para regar xardíns e hortas.
Ademais, ínstase a evitar o lavado de vehículos e automóbiles fóra dos lugares habilitados para tal fin.
Tamén está prohibido o enchido de piscinas con auga da traída municipal, salvo que exista unha autorización expresa previa.
No apartado de recomendacións, a Administración local aposta por que se faga un uso eficiente da auga nas tarefas domésticas.
"Son medidas que están chamadas a garantir o abastecemento de auga a toda a veciñanza durante os vindeiros meses", explica Pérez Gulín, que incide en que a colaboración cidadá resulta indispensable nun contexto así "para previr posibles situacións de restriccións ou cortes, que se poderían ter que tomar se non se reduce o consumo".
Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello tamén está a realizar un uso responsable da auga no que a rego se refire, con tarefas reducidas ao mínimo imprescindible.
Séguese a traballar en colaboración con Protección Civil e persoal municipal, sen facer uso do rego convencional.
"Non tocamos a auga do Umia por unha cuestión de responsabilidade", sinalou o alcalde.