Os tres concellos polos que pasa a Vía Verde do Salnés, Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, chegaron a un acordo para asumir de xeito conxunto os traballos periódicos de roza e acondicionamento para que este itinerario estea en perfectas condicións.
As intervencións consistirán, principalmente, na roza da vexetación presente nas marxes do trazado por medios mecánicos mediante o uso dun tractor con rozadoira de brazo lateral e noutros traballos de mantemento por medios manuais.
A actuación iniciouse a pasada semana no treito correspondente a Caldas e a Portas e terá continuidade durante estes días, para rematar a semana que vén no tramo de Vilagarcía.
O obxecto dos traballos é o de favorecer o bo estado da vía para o seu goce por parte de veciñanza e visitantes, acondicionando as marxes nunha época do ano na que a vexetación medra especialmente e pode chegar a invadir o paseo.
Os tres concellos manteñen así o seu compromiso pola conservación desta infraestrutura pioneira que, desde a súa apertura, está sendo un éxito rotundo.