Caldas premia o "esforzo e talento" dos mellores expedientes académicos do curso

Umia
30 de xullo 2025

A iniciativa busca "apoiar o talento local e recoñecer o esforzo da rapazada", que recibiu como premio entradas para o festival Revenidas e bonos para gastar no comercio local

Recoñecemento ás e aos estudantes de Caldas cos mellores expedientes académicos
Recoñecemento ás e aos estudantes de Caldas cos mellores expedientes académicos / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis celebrou este mércores un acto para recoñecer ás e aos estudantes cos mellores expedientes académicos do curso 2024/2025 na ESO, Bacharelato, Bacharelato de Excelencia (STEMbach) e Ciclos Formativos.

Nesta terceira edición, foron 15 alumnos e alumnas que cursaron os seus estudos nos centros de ensino da localidade.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destacou que a iniciativa dos premios pretende reafirmar o compromiso do goberno local co ensino público, así como apoiar o talento local e recoñecer o esforzo feito durante o curso. 

"Queremos recoñecer á rapazada e reforzar o valor do seu traballo, a dedicación e a superación persoal, incentivar a seguir o seu exemplo e fomentar a excelencia. Agardamos que estes recoñecementos non só motiven ás e aos premiados, senón a todo o estudantado para esforzarse e alcanzar o máximo potencial", subliñou.

Pola súa banda, o responsable municipal de educación, José Manuel Fariña, puxo en valor o traballo de cada un dos estudantes para lograr este éxito e animounos a continuar o seu esforzo nas seguintes etapas da súa vida. Tivo tamén palabras para todas as familias e equipos docentes implicados, unha labor fundamental na procura dunha sociedade mellor formada.

O recoñecemento incluíu aos mellores expedientes da ESO do CPR San Fermín, CPI Alfonso VII e do IES Aquis Celenis; a todas as estudantes que cursaron o Bacharelato de Excelencia (STEMbach); aos mellores expedientes dos dous itinerarios do Bacharelato do IES Aquis Celenis; así como aos mellores expedientes dos ciclos formativos do CPR San Fermín. 

Destacaron especialmente os traballos realizados polo alumnado do Bacharelato de Excelencia (STEMbach), entre os que se atopan: un dicionario de termos máis empregados pola xeración Z, un proxecto sobre o cálculo matemático ao redor do cubo de Rubik, unha análise comparativa da biodiversidade nas plantacións de eucaliptos e árbores autóctonas ou as características dos muóns que chegan á superficie terrestre , desenvoltos en colaboración con varias facultades das universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

O acto tivo lugar no Auditorio Municipal, onde os estudantes recibiron, xunto cun diploma, unha entrada para o Festival Revenidas e un bono de 75 euros para gastar no comercio local de Caldas de Reis.

Estiveron presentes e realizaron un discurso conmemorativo o impulsor da iniciativa, o nacionalista José Manuel Fariña, o alcalde Jacobo Pérez, así como unha representante do alumnado, Emma Villaverde, e o director do CPR San Fermín, José Luís Montes, no nome do profesorado. O evento contou coa actuación musical dos irmáns David e Diego Vázquez Valiño, que puxeron a banda sonora á celebración.