Caldas proxecta a reforma integral da rúa Souto María López

Umia
31 de xaneiro 2023

A rúa Souto María López, vial en forma de U que conecta por ambos os extremos coa N-640, fronte á Carballeira, será obxecto dunha profunda rehabilitación. Así o anunciou o Concello de Caldas, que buscará financiamento na Deputación de Pontevedra. O proxecto contempla unha redución considerable do espazo destinado ao tráfico motorizado

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, na rúa Souto María López
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, na rúa Souto María López / Concello de Caldas de Reis

A rúa Souto María López, vial en forma de U que conecta por ambos os extremos coa N-640, fronte á Carballeira, será obxecto dunha profunda rehabilitación. Así o anunciou este martes o Concello de Caldas, que buscará financiamento na Deputación de Pontevedra.

O proxecto, que será presentado á convocatoria das axudas do programa Ágora, abarca un ámbito de actuación duns 3.200 metros cadrados da rúa actual.

Contempla unha redución considerable do espazo destinado ao tráfico motorizado, xerando a ambos os dous lados da rúa unhas beirarrúas de anchura mínima de 2,50 metros. Esta franxa será interrompida puntualmente con espazos máis anchos para a colocación de árbores.

Na parte superior da rúa, ademais, formúlase un espazo a modo de praza e tamén unha zona máis amable e ordenada na fronte cara á N-640

O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou que con este proxecto "continuamos co plan de reforma urbana de Caldas, mellorando a calidade de vida en todas as rúas do municipio e dando prioridade aos peóns e á veciñanza no uso e goce do espazo público". 

O proxecto supón un aumento da zona peonil nun 77%, pasando dos 887 metros cadrados actuais ata os 1.537 metros cadrados, garantindo a accesibilidade universal e mellorando a calidade xeral da rúa desde o punto de vista arquitectónico e ambiental.