Caldas recibe axudas da Deputación para obras no parque infantil e no xardín botánico

Umia
08 de novembro 2017

Con estas achegas, o goberno de Carmela Silva xa aprobou o 95% do orzamento para Caldas de Reis ao abeiro do Plan Concellos 2017

Carmela Silva e Juan Manuel Rey na finca de Segade
Carmela Silva e Juan Manuel Rey na finca de Segade /

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento para o Concello de Caldas de Reis ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. Así, a institución provincial achega 46.957,61 euros para levar a cabo obras de conservación e mellora do parque infantil do parque do xardín botánico.

A esta última achega hai que sumarlle as concedidas anteriormente. Caldas de Reis xa recibira un total de 457.407,68 euros.

Destináronse para o saneamento do lugar de Casalderrique, en Carracedo, para que a vila financie a adquisición dunha finca en Segade de Arriba, para a adquisición dunha parcela, para a ampliación do centro ocupacional, para a ampliación do aparcadoiro na Finca da Tafona, para o acondicionamento de beirarrúas de formigón na pista de pádel, para adquirir material audiovisual para o auditorio municipal, para financiar melloras nos pavimentos dos camiños de Soutelo de Abaixo, Pazo e Canle, para levar a cabo obras de mellora nas dependencias municipais e para a rehabilitación dunha praza na parroquia de Santa María de Godos.

Así mesmo, a vila tamén recibiu 156.495,17 euros para a contratación de 10 persoas nos distintos servizos municipais.

Deste xeito, a vila de Caldas xa leva aprobados 660.860,46 euros, o que supón un 95% do total previsto dentro do Plan Concellos 2017. Este ano Caldas de Reis recibiu un 16,62% máis do que percibiu a través do Plan Concellos 2016.