Coa conclusión de Fairway, o V Foro de profesionais do Camiño de Santiago, o Concello de Caldas de Reis realiza unha avaliación moi positiva da participación nesta cita turística ao recibir centos de visitas e establecer contactos con operadores e profesionais do sector para promover a vila.
Manuel Fariña, tenente de alcalde e responsable de Turismo no Concello, amosouse moi satisfeito polo resultado desta participación e destacou que Caldas se diferenciou do resto de municipios e entidades asistentes ao Foro por tratarse da única vila termal dentro do Camiño. Esta singularidade ofrece diferentes potencialidades para os actores turísticos.
Desta forma, Fariña indicou que Caldas será obxecto de novos paquetes turísticos de axencias e operadores do sector. Tamén se rexistraron visitas directas por parte das empresas de viaxes a Caldas para concretar programas e actividades inmediatas.
O Concello presentou na feira un punto de información e traballo cunha gran imaxe mural de Caldas na que o río figuraba como principal foco de atención.
Ademais da importancia das termas, Caldas presentou á Carballeira declarada Ben de Interese Cultural en Galicia; o xardín botánico, a arte rupestre, o patrimonio natural e determinados elementos gastronómicos como a rosca ou o "pan de manteiga", ofrecendo degustación aos asistentes.