O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, vén de supervisar, acompañado polo concelleiro responsable de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, Juan Carlos Ortigueira, os traballos de mantemento que se están a realizar de xeito periódico na carballeira e o xardín botánico.
Pérez Gulín garantiu que o Concello seguirá priorizando esforzos para ter nas mellores condicións estas zonas, "sen perder de vista a limpeza doutros lugares nas diferentes parroquias".
O corte periódico de céspede, a recollida de follas e a limpeza dos canteiros de flores son algunhas das actuacións que se levan a cabo de xeito regular.
Tanto Jacobo Pérez como Juan Carlos Ortigueira resaltaron o "cambio de enfoque" á hora de centrar máis esforzos no coidado destes espazos. Un modelo de xestión que "nos permitiu recuperar a verdadeira esencia do xardín botánico e da carballeira como pulmóns verdes do centro urbano e como puntos de encontro para a nosa veciñanza".
Este estado óptimo tamén converte, ademais, o enclave nun roteiro seguro para preto dun milleiro de estudantes que transitan habitualmente por esta zona para ir ao instituto e ao colexio.
A carballeira de Caldas de Reis é o único espazo de carballo catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) de toda a Comunidade Autónoma.
A antigüidade desta contorna supera os 140 anos de vida, logo de que a súa posta a punto comezase en 1884. A día de hoxe, aquí pódense atopar centos de especies, tanto autóctonas como orixinais dos cinco continentes.