Caldas segue traballando con hostaleiros e comerciantes nun plan conxunto de protección e reactivación

Umia
11 de maio 2020

Todos os grupos políticos do Concello xunto aos sectores implicados mantiveron unha reunión para coordinar o proceso de  desescalada

Caldas de Reis
Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Representantes dos grupos políticos de Caldas, Asociación de Comerciantes e Asociación de Empresarios da Hostalería mantiveron unha reunión para traballar conxuntamente nas accións para desenvolver durante o denominado proceso de desescalada do confinamento provocado pola COVID19.

A intención é aplicar un plan conxunto de protección e seguridade, segundo o cal e como avanzaba o alcalde Juan Manuel Rey "o Concello proverá a todos os establecementos de material de prevención como xel hidroalcohólico e outros recursos, cuxa compra se centralizará para axilizar o procedemento".

Ademais de medidas de protección sanitaria, as accións pasan tamén pola promoción e neste sentido o Concello traballa na campaña 'Eu merco en Caldas' que podería incluír un programa de vales de compra ou cheques regalo para fomentar o consumo tanto no comercio como na hostalería.

Outra das propostas para incentivar o turismo de proximidade é 'Caldas, cultura quente' e a estas propostas tamén se expuxeron medidas de alivio fiscal aos negocios.