Caldas trata de dar un impulso á compostaxe a través de charlas informativas

Umia
25 de abril 2022

O goberno local ten programadas dúas reunións cos veciños que viven na contorna dos catro centros de compostaje comunitario da vila termal co obxectivo de animalos a darlle un maior uso a este equipamiento  

Centro de compostaxe comunitario en Caldas de Reis
Centro de compostaxe comunitario en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis retoma o seu plan de impulso da compostaxe con dúas charlas informativas para a veciñanza, para facer un maior uso dos catro centros de compostaxe comunitaria instalados no casco urbano.

Nestas sesións informativas, persoal técnico especializado explicará o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria, os residuos que se poden depositar e os que non, os beneficios ambientais e socioeconómicos da compostaxe, e resolveranse as dúbidas das persoas asistentes sobre a utilización axeitada destes equipamentos.

As sesións estarán abertas a toda a veciñanza e terán lugar este martes, ás 18 horas, no Centro Comarcal da Tafona, e o próximo xoves, á mesma hora, no Auditorio Municipal.

O Concello tamén pon a disposición o número de teléfono e whatsapp 647 574 316 para realizar consultas sobre compostaxe e reciclaxe, indicar posibles incidencias nos centros de compostaxe e tamén para solicitar composteiros domésticos.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, sinala que "temos que avanzar na sostibilidade da xestión dos residuos orgánicos do mesmo xeito que xa o facemos maioritariamente en Caldas coa separación dos envases lixeiros, de vidro e o papel-cartón para a súa recollida selectiva e reciclaxe”. 

Caldas conta con catro centros de compostaxe comunitaria para dar servizo a máis de 400 persoas, tendo unha capacidade total de 35.000 litros nos 35 módulos instalados. Os centros están situados na Tafona, no xardín de Pasionistas, na urbanización Pedra do Pan e na rúa Juan Fuentes esquina con Silgadas.