Calmarán o tráfico na Praza dos Praceres e o ámbito dos colexios de Lourizán

Pontevedra
04 de novembro 2015

O Concello aposta por calmar o tráfico na praza dos Praceres e por mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nas inmediacións dos colexios de Praceres e A Carballeira. Son dúas actuacións que foran ditaminadas como prioritarias polo Consello Parroquial. Así llo presentou esta tarde o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, aos veciños da zona nunha asemblea aberta

Tren cruzando pola Plaza dos Praceres
Tren cruzando pola Plaza dos Praceres / Diego Torrado

O Concello aposta por calmar o tráfico na praza dos Praceres e por mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nas inmediacións dos colexios de Praceres e A Carballeira. Son dúas actuacións que foran ditaminadas como prioritarias polo Consello Parroquial.

Así llo presentou esta tarde o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, aos veciños da zona nunha asemblea aberta.

As actuacións previstas na contorna do CEIP A Carballeira foron consensuadas coa dirección do colexio e a ANPA, e teñen como obxectivo garantir a seguridade dos nenos e nenas do centro. Habilitarase un novo acceso peonil aproveitando un camiño tradicional que descorre ao lado. 

Unha redefinición da mobilidade na praza de Praceres e a súa contorna permitirá, ademais, mellorar a seguridade viaria e accesibilidade á praza, ao colexio e ao lugar do Cabo.

Segundo Demetrio Gómez, existe un problema importante de seguridade nas inmediacións do colexio para toda a comunidade educativa "polos tráficos desordenados, a acumulación de vehículos e peóns no mesmo espazo e a falla de aparcamentos o que ademais provoca atoamentos no acceso ao Cabo".

Así, traballarase para separar os tráficos de peóns e de vehículos, habilitando un acceso exclusivo para peóns dende o campo de fútbol ao colexio; deixarase o acceso ao colexio e ao lugar do Cabo só para vehículos autorizados (residentes e vencellados ao centro educativo); ou gañaranse zonas de aparcamento, arredor da confraría e o parque infantil.

Ademais, implantarase o sentido único na rúa que vai por dentro da praza; arranxarase a beirarrúa para facela máis ancha e reordenar os espazos de aparcamento; mudarase o alumeado e realizaranse traballos de mantemento do espazo público. 

Esta intervención suporá un investimento de 46.000 euros e as obras están pendentes dun proceso administrativo sobre a titularidade dunha pequena parcela que implica á xunta de montes e ao Concello. "Existe vontade polas dúas partes para arranxar o tema", indicou o edil do BNG.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora