A calor dos últimos días irase suavizando esta semana

Pontevedra
07 de xullo 2025
Actualizado: 6:53

A partir do venres haberá un tempo caracterizado polas temperaturas suaves, os ceos alternando nubes e claros e a probabilidade dalgunhas precipitacións tipo chuvasco

Segunda xornada do PortAmérica 2025
Segunda xornada do PortAmérica 2025 / Cristina Saiz

A previsión que fan os técnicos de MeteoGalicia para os vindeiros días sinala que, logo dunha primeira metade da semana de tempo seco e caloroso, a partir do xoves as altas presións iranse debilitando por mor da entrada de aire frío en altura.

Isto deixará a partir do venres un tempo caracterizado polas temperaturas suaves, os ceos alternando nubes e claros e a probabilidade dalgunhas precipitacións tipo chuvasco, que puntualmente poderían acadar intensidade treboenta.

Este luns, os restos da fronte pouco activa da xornada anterior deixarán aínda unha mañá de ceo moi nubrado e mesmo algunha chuvia feble e illada no extremo norte de Galicia. Pero a medida que avance a mañá as nubes irán desaparecendo e a partir do mediodía persistirán soamente no norte da Coruña e Lugo, quedando o resto da Comunidade co ceo moi despexado.

As temperaturas mínimas non terán cambios mentres que as máximas experimentarán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do nordés, aumentando progresivamente a súa intensidade ata acadar refachos fortes ao final do día.

Xa para o martes, a previsión apunta que as altas presións entrarán en Galicia en forma de cuña desde os Azores durante esta xornada polo que en xeral a estabilidade será predominante. Dese xeito agardamos un día co ceo pouco nubrado ou despexado, soamente con algunha nebulosidade de estancamento no norte de Lugo.

As temperaturas mínimas terán un novo descenso, polo que a madrugada será fresca, pero as máximas volverán a ascender. Os ventos soprarán do nordés, moderados, con intervalos fortes entre Bares e Fisterra.

O mércores, as altas presións continuarán dominando a situación meteorolóxica sobre Galicia durante esta xornada, achegando aire cálido desde o sur.

Deste xeito o ceo estará en xeral pouco nubrado ou despexado, con nubes de evolución na metade sur que poderían deixar algún amago tormentoso.

As temperaturas experimentarán ascensos, que serán máis significativos durante a tarde na metade sur.

Os ventos soprarán de compoñente leste, frouxos en xeral, agás nas comarcas de Ferrol e Ortegal onde podería acadar algún intervalo puntualmente forte.