Cambados prepárase para gozar dunha nova edición da súa Festa da Vieira

O Salnés
14 de xullo 2026

Esta Festa da Vieira, que chega á súa vixésima segunda edición, ofrecerá ademais unha intensa programación de showcookings gratuítos, sesións vermú e concertos, entre eles o de Óscar Ibáñez & Tribo

XIII Festa da Vieira de Cambados
XIII Festa da Vieira de Cambados / Diego Torrado

Máis de quince mil racións espera despachar a organización da Festa da Vieira de Cambados, que se celebrará no Paseo da Calzada entre os días 16 e 19 de xullo.

A festa, impulsada pola confraría de pescadores e a súa empresa comercializadora, Porto de Cambados, ofrecerá vieiras e volandeiras a prezos populares.

Así, os comensais poderán degustar vieira ao forno e vieira crocante con crema de cabaza especiada a 5 euros, mentres que a empanada de volandeira e o arroz meloso de volandeira custarán 6 euros por ración.

A carpa gastronómica abrirá as súas portas o xoves 16 ás 20:00 horas e manterá a súa actividade até o domingo en horario de 12:00 a 16:00 horas e de 20:00 a 23:00 horas.

Esta Festa da Vieira, que chega á súa vixesima segunda edición, ofrecerá ademais unha intensa programación de showcookings gratuítos.

O Obradoiro de Hostalería do Salnés abrirá as mostras de cociña o venres e o cociñeiro Miguel Mosteiro, tamén responsable da carpa gastronómica da festa, tomará a remuda no showcooking do sábado.

O domingo pechará as mostras Pedro Nocelli, finalista do certame Talentos by Abril.

Os asistentes poderán ver a elaboración en directo de distintas receitas de vieira e degustalas de forma totalmente gratuíta.

A animación musical será outro dos grandes atractivos da edición, con sesións vermú e concertos no Paseo da Calzada e a Praza do Concello.

O grupo de gaitas Xironsa e a agrupación Volandeira porán a nota tradicional, mentres que Take it Easy, Fanfarria Furruxa e Dani Barreiro & Friends animarán as sesións vermú.

Polas noites, M-80 e El 4º Sentido subirán ao escenario do Paseo da Calzada o xoves e o venres, e o gaiteiro Óscar Ibáñez & Tribo pechará a festa o domingo cun concerto na Praza do Concello.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora