Portos de Galicia concluíu as obras de rehabilitación integral da ponte que comunica o porto de Cambados coa illa das Goritas.
A actuación, na que a Administración autonómica investiu 400.000 euros, permite prolongar a vida útil desta infraestrutura e garantir o seu funcionamento en condicións de seguridade.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este mércores a ponte xunta ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, para comprobar o resultado duns traballos que xa se atopan plenamente finalizados e en servizo.
A intervención foi executada polo construtora Grupo Fonsán e tivo como principal obxectivo corrixir a deterioración provocada pola exposición continuada ao ambiente mariño, reforzando a estrutura para asegurar o tránsito tanto de vehículos lixeiros como de camións vinculados á actividade portuaria.
Segundo destaca a Xunta, a actuación permitirá garantir a conexión coa chaira e os pantaláns das Goritas durante os próximos anos.

As obras incluíron unha importante actuación sobre a estrutura da ponte, coa substitución dunha das súas vigas principais por unha nova peza prefabricada de alta resistencia.
Ademais, aplicáronse tratamentos específicos para frear a corrosión do formigón e protexer a infraestrutura fronte á acción do salitre e as mareas mediante sistemas de impermeabilización.
O proxecto tamén contemplou a renovación de distintos elementos da ponte para mellorar a súa funcionalidade e seguridade.
Entre as actuacións executadas figuran a reparación do pavimento das beirarrúas, a reposición das varandas, a instalación de novas luminarias e a posta a punto do sistema de iluminación pública.