Cambados rexeita empregar fondos do +Provincia da Deputación para adquirir o Pazo de Montesacro

O Salnés
25 de abril 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago, mantiveron este xoves no Pazo Provincial unha reunión de traballo para falar do Pazo de Montesacro, propiedade de la Iglesia que o vende por tres millóns de euros  

Samuel Lago, Luis López e Regina Núñez
Samuel Lago, Luis López e Regina Núñez / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cambados, Samuel Lago, mantiveron este xoves no Pazo Provincial unha reunión de traballo para falar do Pazo de Montesacro, propiedade de la Iglesia que o vende por tres millóns de euros. Durante o encontro, os responsables de ambas as institucións avaliaron as prioridades de investimento do Concello con recursos da Deputación. 

O Concello quere que este edificio quede en mans públicas e poida seguir funcionando como asilo de anciáns. Na actualidade está xestionado pola congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados.

O rexedor cambadés expresou o seu rexeitamento para solicitar fondos do +Provincia para adquirir o Pazo de Montesacro.

Samuel Lago explicou que "o que lle propuxemos á Deputación era buscar un financiamento a tres bandas" incluíndo á Xunta de Galicia. "En principio, desde a Deputación rexéitannos a proposta dicíndonos que non poden facer un convenio exprofeso para iso, e que recorramos ao Plan +Provincia", é dicir, que se inclúa esa compra dentro dos 700.000 euros que Cambados dispón para investimentos. 

"Supoñeríanos, se temos que achegar dúas partes, contando que a Xunta achegue a deles, practicamente 3 anos completos do Plan +Provincia destinados á adquisición do Pazo", sinalou o alcalde "supoñería desvestir un santo para vestir outro, por tanto, nós entendemos que esa non é a forma de financiamento". 

O Concello de Cambados busca "unha fórmula vía convenio", que ofreza o financiamento extraordinario. 

MELLORA DE CAMIÑOS 

Ademais deste asunto na reunión comprometeuse unha axuda de 140.000 euros para a mellora de rúas e camiños do municipio que será aprobada este venres na Xunta de Goberno Provincial.

Luis López lembrou que a Deputación ten previstas actuacións que superan os 1,1 millóns de euros para este ano neste municipio do Salnés o que supón un incremento de preto de 110.000 euros con respecto do ano anterior.