Cambian a parada de autobús para o alumnado de infantil do colexio de Chancelas

Poio
16 de novembro 2023

O Concello de Poio e a Xunta conseguiron unha solución para evitar que os nenos de 3 a 5 anos se despracen ata a PO-308 para coller o transporte

Transporte escolar recollendo ao alumnado de infantil do colexio de Chancelas
Transporte escolar recollendo ao alumnado de infantil do colexio de Chancelas / Concello de Poio

O Concello de Poio expresou a súa satisfacción polo cambio da parada para recoller no centro ao alumnado de infantil do CEIP de Chancelas, en Combarro, que utiliza o autobús para regresar ás súas casas.

Con esta modificación evítase que teñan que desprazarse ata a estrada PO-308, tal e como viñan facendo desde hai anos, cos riscos evidentes que podía provocar esta situación.

Deste xeito, a medida adoptada e que xa leva funcionando unha semana, foi cambiar a entrada e saída dos nenos de 3 a 5 anos para que accedan directamente polo Camiño da Escola (o centro escolar ten dúas entradas) e evitar así que teñan que baixar ata a estrada autonómica. 

Finalmente é un autobús e non un microbús, como se valorou ao principio desde a xefatura territorial de Mobilidade, o que recolle aos menores pero, en todo caso, o goberno local informou que nesta primeira semana tanto a directiva do centro como as propias familias xa amosaron a súa satisfacción polo funcionamento, a comodidade e a seguridade que ofrece. 

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, manifestou que "é un pequeno cambio pero que supón mellorar por completo a seguridade deste alumnado". 

Foi nos últimos días de outubro cando Sabarís citou á xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, e á directora do CEIP para visitar a contorna do colexio de Chancelas e comprobar sobre o terreo os riscos aos que estaba exposto o alumnado de infantil, para buscar así unha alternativa segura para eles.