Cambio de residuos perigosos por árbores en Cerponzóns

Pontevedra
19 de decembro 2021

A Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns agasallou este domingo aos veciños cunha árbore pola súa colaboración na campaña de recollida de residuos contaminantes como pilas ou cartuchos de tinta

Entrega de árbores a cambio de residuos contaminantes en Cerponzóns
Entrega de árbores a cambio de residuos contaminantes en Cerponzóns / Concello de Pontevedra

Os veciños de Cerponzóns levaron á súa casa este domingo árbores a cambio da súa participación na campaña de recollida de residuos perigosos e contaminantes desenvolvida pola Asociación de Veciños O Chedeiro en colaboración da Concellería de Desenvolvemento Sostible.

Esta campaña iniciouse con motivo do Día Internacional dos Bosques, co obxectivo de recoller desperdicios como pilas, cartuchos de tinta ou cargadores e evitar o seu refugallo en lugares non apropiados, concienciando así aos veciños da necesidade de darlles un tratamento que evite a contaminación.

En total, confirma a concellería, recolléronse máis de 3.000 cartuchos e pilas.

Á entrega de árbores aos veciños acudiron varios membros do goberno local, como son os edís de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, o tenente de alcalde Tino Fernández, a concelleira responsable da parroquia Pilar Comesaña, e a responsable de Promoción Económica, Yoya Blanco.