Cambios de sentido de circulación no Grove desde este 1 de maio

O Salnés
01 de maio 2023

Debido a obras de cambios de tubaxes de augas residuais e pluviais cambia o sentido na Rúa Conchases e en Rosalía de Castro, segundo informa o Concello do Grove a través de redes sociais coa intención de que xa queden deste xeito de maneira definitiva

José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove, observa unhas obras na rúa Alexandre Bóveda
José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove, observa unhas obras na rúa Alexandre Bóveda

O Concello do Grove anuncia, a través de redes sociais, que a partir deste luns 1 de maio se establece un cambio de sentido de circulación nas rúas Conchases e Rosalía de Castro.

Está previsto que se acometan obras na Rúa Alexandre Bóveda consistentes en cambios de tubaxes de augas pluviais, o goberno local aproveita para cambiar o sentido do tráfico rodado nestas vías coa intención de que se converta en definitivo.

O acceso á Rúa Rosalía de Castro realizarase pola Avenida de Portugal con saída por Alexandre Bóveda mentres que á Rúa Conchases, ao contrario de como se atopaba ata o de agora, accederase por Alexandre Bóveda.

Está previsto que se estableza unha zona de estacionamento provisional nas inmediacións e na contorna da Rúa Carballeira só permitirase acceso restrinxido para residentes e clientes do Supermercado Froiz, que se atopa nesa zona, segundo indican no mapa que recolle os cambios previstos nestas rúas.

Desde o goberno municipal piden desculpas polas molestias que poidan causar estas obras á veciñanza da zona.