Cambios no pavimento e sinalización para garantir a distancia social no paseo de Silgar

Sanxenxo
08 de outubro 2020

O proxecto de semipeonalización do paseo de Silgar avanza trala sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo polo que o Goberno galego destinará unha axuda de 30.000 euros para ampliar o espazo de circulación peonil na zona e permitir a mobilidade das persoas sen risco sanitario

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita o paseo de Silgar
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita o paseo de Silgar / Xunta de Galicia

O proxecto de semipeonalización do paseo de Silgar avanza trala sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo.

O Goberno galego destinará unha axuda de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para dar resposta á necesidade de ampliar o espazo de circulación peonil na zona e permitir a mobilidade das persoas sen risco sanitario, sobre todo coa vista posta na época estival, cando se incrementa a afluencia turística.

Esta axuda da Xunta permitirá realizar obras neste espazo, que consistirán na adecuación do pavimento actual para dotar de maior espazo aos peóns e o reforzo da sinalización para lembrar a necesidade de gardar a distancia social.  

Este xoves, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaba Sanxenxo e percorría o paseo de Silgar na compaña da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o alcalde Telmo Martín, para coñecer as actuacións previstas.

Natalia Prieto incidía na necesidade da colaboración entre administracións, sobre todo no actual contexto derivado da covid-19, para axudarlle ás entidades locais a executar iniciativas que redunden directamente no benestar da veciñanza, como é o caso da actuación en Silgar.