Cheas de ánimos, ataviadas coa súa roupa e calzado máis cómodos e arroupadas polo sol. Así se presentaron ás dez da mañá do mércores 6 de abril as persoas participantes nas camiñadas organizadas dende a Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés.
Con motivo do Día Internacional da Actividade Física, a finalidade desta iniciativa era promover o movemento e os hábitos de vida saudables. Neste primeiro proxecto desde o nomeamento do enfermeiro Miguel Carreiro como referente de Atención Comunitaria, colaboraron dez centros de saúde en total, entre os que se atopan os de Lérez, Virxe da Peregrina e A Parda.
Na convocatoria incluíase a todo o persoal sanitario, liderado polo departamento de enfermaría, que foi o encargado de informar aos pacientes, de acordo coa subdirectora de enfermería, Yolanda Moares.
A partida desde o Virxe da Peregrina tivo tal acollida que chegada a hora concertada, a entrada estaba repleta de paseantes xubilados falando entre si sobre as expectativas do día. Coa emoción dun grupo escolar que vai de excursión, xa se cumpría un dos obxectivos: fomentar a socialización para que nun futuro poidan organizar camiñadas habituais conxuntas.
Antes do paseo, dunha hora ou hora e media de duración, repartíronse uns trípticos explicando os beneficios das prácticas activas, como a redución do risco de enfermidades crónicas e a mellora do ánimo.
Sen embargo, estas vantaxes xa eran coñecidas polos presentes. "Hoy lo que se quiere es ser feliz y yo con estas caminatas soy muy feliz" recoñeceu Loli, unha alegre octoxenaria a quen a disposición de facer deporte non lle impedía presumir do seu mellor carmín.
Lores: "É un estímulo para as persoas que busquen facer un tipo de mobilidade sostíbel"
Así mesmo, asegurou que este tipo de actividades, ademais de ser moi boas para corpo e mente, permiten gozar da paisaxe e aportarlle optimismo á vida. Coa chegada do bo tempo comproba de primeira man nos seus paseos matutinos que "cuanto más ando, mejor me encuentro".
A meteoroloxía tamén é un problema para outro dos participantes, residente en Tenerife, que comentou que co frío e humidade de Galicia cústalle máis moverse. Considera necesario o percorrido, posto que "al cabo de una semana de no hacer nada me noto muy pesado y mentalmente tampoco me encuentro muy bien".
Por outra parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañou aos viandantes e destacou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas, "xa que supoñen un estímulo para as persoas que busquen facer un tipo de mobilidade sostíbel, non só deporte de competición, senón unha actividade básica para estar mellor no día a día".
A andaina rematou na Illa do Covo, onde ao final da sesión, os fisioterapeutas do centro mostráronlles aos pacientes unha serie de exercicios de equilibrio e estiramentos para fomentar "que a saúde sexa un ben universal para todo o mundo".
Como se dunha clase de ioga ao aire libre se tratase, os atletas que frecuentan a ruta da Illa das Esculturas puideron observar como este grupo de persoal de enfermaría e pacientes se uniu a eles no deporte polo Día Internacional da Actividade Física.