A campaña contra as bolsas de plástico chega a Pontevedra

Pontevedra
04 de xullo 2026

A campaña, chamada 'Na túa compra resta plásticos, suma futuro', consistiu no reparto de bolsas de tea para concienciar á cidadanía na redución do consumo de plásticos

Reparto de bolsas de tea no mercado de abastos
Reparto de bolsas de tea no mercado de abastos / Xunta de Galicia

Ata o mercado de abastos de Pontevedra chegou a campaña impulsada pola Xunta de Galicia para conmemorar o día internacional libre de bolsas de plástico.

A campaña, chamada Na túa compra resta plásticos, suma futuro, consistiu no reparto de bolsas de tea para concienciar á cidadanía na redución do consumo de plásticos.

O delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, foi o encargado de repartir as bolsas reutilizables entre as praceiras e os clientes do mercado pontevedrés.

Unha bolsa de plástico, recordou o delegado, ten un tempo de uso medio de entre 12 e 20 minutos e pode tardar entre 150 e 200 anos en degradarse.

Ademais do tempo de degradación, o plástico ten outro problema asociado que é o uso de enerxías non renovables para a súa elaboración.

Reparto de bolsas de tea no mercado de abastos
Reparto de bolsas de tea no mercado de abastosXunta de Galicia

Así, máis do 90% dos plásticos do mundo prodúcense a partir de combustibles fósiles.

En concreto, recuperar dúas toneladas de plástico equivale a aforrar unha tonelada de petróleo.

Esta acción desenvolveuse simultaneamente nas prazas de abastos das sete grandes cidades galegas co obxectivo de promover alternativas sostibles ás bolsas de plástico dun só uso.

A campaña busca reforzar esa mensaxe de corresponsabilidade, lembrando que a suma das accións individuais resulta decisiva para protexer o medio ambiente, conservar os recursos naturais e avanzar cara a unha Galicia cada vez máis sostible.