Campaña da Policía Local de Poio sobre o uso das tarxetas de parking para persoas con mobilidade reducida

Poio
30 de abril 2018

Con esta medida trátase de evitar o uso impropio e fraudulento de tarxetas concedidas así como os actos irresponsables por parte dos cidadáns

Policía Local de Poio diante dun espazo de aparcadoiro reservado para persoas con mobilidade reducida
Policía Local de Poio diante dun espazo de aparcadoiro reservado para persoas con mobilidade reducida / Policía Local de Poio

Dende o día 23 de abril e ata o día 6 de maio, a Policía Local de Poio está levando a cabo unha campaña de control dos estacionamentos nas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. O obxectivo está sendo o de velar o uso axeitado dos espazos de estacionamento reservados para estas persoas, delimitados e sinalizados correctamente. Con esta medida trátase de evitar o uso impropio e fraudulento de tarxetas concedidas así como os actos irresponsables por parte dos cidadáns.

No ano 2017 a Policía Local identificou tres casos de persoas que utilizaban tarxetas de familiares falecidos, polo que procedeu a investigar aos identificados por un presunto delito de falsidade documental e uso fraudulento. Tamén se denunciaron seis casos por uso indebido, familiares que teñen alguén con algunha discapacidade funcional, e aprovéitanse da tarxeta para facer recados, estacionando os vehículos sen estar presente a persoa autorizada.

A Policía Local de Poio pretende concienciar aos veciños sobre o uso debido de estas prazas reservadas para facilitar o estacionamento as persoas con discapacidade ou que presentan unha mobilidade reducida, respectando así os seus dereitos. Polo que é necesario sensibilizarse cos veciños que presentan estas necesidades e conseguir entre todos que os espazos sinalizados para tal fin estean dispoñibles para eles.

A Policía Local de Poio agarda reducir o número de sancións realizadas por ocupar as prazas sen tarxeta, que o ano pasado ascenderon a un total de 74 denuncias.