Campaña de roza nos camiños e viarios do rural marinense

Marín
26 de abril 2018

A planificación dos traballos responde a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios, asegura o goberno local

A concelleira Marián Sanmartín explica o plan de limpeza en viarios do rural
A concelleira Marián Sanmartín explica o plan de limpeza en viarios do rural / Concello de Marín

O Concello de Marín iniciou durante o mes de abril unha campaña de limpeza e roza de camiños e viarios do rural que se prolongará por fases (en catro zonas) ata o próximo mes de agosto.

A planificación dos traballos responde a criterios de necesidade, considerando o calendario festivo da localidade, a tempada alta de praias e a prevención de incendios, asegura o goberno local.

Desta forma a primeira zona de actuación, en abril e maio, céntrase en Pedreiras, A Estivada, Arealonga, Pituco, A Cañota, Pitanxo, A Laxe, O Carragal, Casal, Bravos, Viñas Brancas, A Raña e Outeiro.

Despois en maio e xuño, pensando na tempada alta nas praias, seguirase pola liña da costa e a estrada PO-551, desde a Escola Naval ata a praia de  Lapamán.

Para a realización destes traballos contarase cunha brigada de roza a pé da Fundación Xoán XXIII que actuará nos camiños e viarios de paso estreito aos cales non pode acceder o tractor do Concello.

Ademais dos traballos de roza manual e co tractor municipal, o plan complétase coa contratación de roza mecánica en todos os viarios de titularidade municipal, debido ao crecemento rápido da vexetación na época primaveral e para garantir a seguridade viaria.