Campaña especial de consumo de alcohol e drogas da Garda Civil de Tráfico ao longo desta semana

Pontevedra
07 de decembro 2020

A Delegación do Goberno advirte que case a metade dos condutores falecidos en accidentes de tráfico en España no 2019 consumiran drogas ou alcohol. A campaña durará ata o domingo 13 de decembro con especial incidencia en zonas de maior afluencia, segundo indican desde a Dirección Xeral de Tráfico

Axentes da Garda Civil de Tráfico
Axentes da Garda Civil de Tráfico / Guardia Civil de Tráfico

A Delegación do Goberno en Galicia anuncia que desde este luns 7 de decembro ata o vindeiro domingo 13 desenvólvese nas estradas galegas unha campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico para controlar o consumo de alcol e drogas ao volante.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e a presenza de drogas entre os condutores. Tamén colaborarán os Concellos das catro provincias para que a Policía Local realice probas en zonas urbanas. Haberá unha especial incidencia nas zonas de maior afluencia de vehículos.

Desde a Delegación do Goberno lémbrase que o alcol é un factor determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. Dependendo da taxa, a presenza ao volante  multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. O 45,5% dos 556 condutores falecidos durante 2019 en accidentes de tráfico rodado en España e sometidos a autopsia consumiran alcol, drogas ou psicofármacos.

A intención con esta campaña, segundo indican desde a Delegación do Goberno, é rebaixar do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios. 

Entre xaneiro e setembro de 2020, a Garda Civil de Tráfico realizaba en Galicia 318.878 test de alcoholemia, dos que 5.300 lanzaron un resultado positivo. Esta cifra ofrece unha taxa de positivos de 1,6%. O perfil destes positivos segue sendo o dun home cunha idade comprendida entre os 45 e os 54 anos.

En relación co consumo de drogas, a Garda Civil realizou 4.575 controis en Galicia durante eses nove meses. 1.764 supuxeron denuncia por ofrecer resultado positivo. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias máis frecuentes detectadas nestes test.

Durante 2019, nesta mesma campaña especial realizada en decembro, desenvolvéronse 15.660 probas de alcoholemia, con 160 resultados positivos (1,02%) mentres que en drogas obtivéronse 135 positivos en 338 probas (40%).