Convidar ao alumnado dos centros educativos de Pontevedra a escribir cartas aos Reis Magos sen estereotipos de xénero é o principal obxectivo dunha campaña de Nadal promovida pola Concellería de Igualdade.
A iniciativa traducirase na distribución de 4.000 misivas destinadas ás Súas Maxestades de Oriente entre o alumnado dos colexios da cidade por parte do Centro de Información á Muller (CIM).
As cartas serán repartidas entre a rapazada de primeiro, segundo e terceiro de Primaria (polo tanto, entre 6 e 8 anos), e levan incorporado un texto no que se fai fincapé en determinados estereotipos de xénero, "como esa teima en separar os xoguetes por cores".
Así, nunha das partes da carta, Melchor, Gaspar e Baltasar propoñen "que esquezamos iso de que hai uns xoguetes para nenas e outros para nenos. Que parvada! Se as nenas e os nenos sodes iguais!", di o texto.
"Tódolos xoguetes do mundo son para nenas e nenos por igual", engade.