Así é a campaña das Rías Baixas que aposta polo turismo deportivo como motor para 2026

Pontevedra
15 de xaneiro 2026
Actualizado: 17:27

Baixo o lema "Rías Baixas, a túa meta, o teu destino", a provincia preséntase como un auténtico polideportivo ao aire libre, aberto os 365 días do ano

Presentación da campaña de Turismo Rías Baixas Deputación de Pontevedra

As Rías Baixas queren xogar en primeira división do turismo deportivo en 2026. A Deputación de Pontevedra presentou a nova campaña de promoción do destino, que por primeira vez pon o foco no deporte como fío condutor.

Baixo o lema "Rías Baixas, a túa meta, o teu destino", a provincia preséntase como un auténtico polideportivo ao aire libre, aberto os 365 días do ano e pensado tanto para afeccionados como para deportistas profesionais.

O presidente provincial, Luis López, explicou no Pazo Los Escudos que o deporte é unha ferramenta fundamental para avanzar cara a un turismo máis sostible, de calidade e sen masificacións.

"Axúdanos a desestacionalizar, a mellorar a experiencia e a repartir mellor os fluxos de visitantes", sinalou, nun acto que contou coa vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, e representantes do sector.

Por segundo ano consecutivo, a Deputación decidiu estrear a campaña "na casa" antes de levala a Fitur. Fíxoo cun formato rompedor, concibindo o destino como se fose unha carreira deportiva: con saída, percorrido, equipo e meta.

"Hai Rías Baixas para camiñar, correr, pedalear, nadar, navegar, saborear e volver. Dá igual cando veñas: este é o teu destino", resumiu López, bufanda das Rías Baixas na man.

A gala, conducida pola actriz Marta Larralde, incluíu a proxección de vídeos promocionais e conversas sobre a cultura deportiva da provincia.

Luisa Sánchez destacou que Pontevedra acolle máis de 500 eventos deportivos ao ano e avanzou citas de primeiro nivel para 2026, como probas internacionais de natación artística, ciclismo ou tríatlon, cun claro impacto no turismo.

Desde o punto de vista económico, Jesús Vázquez Almuíña lembrou que as Rías Baixas lideran a ocupación hoteleira en Galicia, están entre os dez mellores destinos da España verde e contan cunha crecente presenza de visitantes estranxeiros. "Temos natureza, clima, gastronomía e eventos: en turismo deportivo témolo todo", afirmou.

O peche correu a cargo de Luis López, que reivindicou a hospitalidade da veciñanza e a necesidade de apostar por un turismo equilibrado.

"O deporte é a porta de entrada, pero o importante é o que ofrecemos detrás", concluíu.