Campo Lameiro abre o Centro de Estancia para albergar a Unidade de Vida Activa e Saudable

Umia
11 de febreiro 2023

Procederase a celebrar unhas xornadas de portas abertas que se desenvolverán os días 16, 17, 20, 22, 24 e 27 de febreiro de 10 a 13 horas para que os veciños e veciñas de Campo Lameiro poidan coñecer as instalacións e recibir información    

Centro de Estancia de Campo Lameiro
Centro de Estancia de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

O Concello de Campo Lameiro abre o Centro de Estancia para albergar a Unidade de Vida Activa e Saudable un servizo para fomentar o envellecemento saudable entre os veciños e que comezará a funcionar a partir do mes de marzo os luns, mércores e venres de 10 a 13 horas. 

Paralelamente, procederase a celebrar unhas xornadas de portas abertas que se desenvolverán os días 16, 17, 20, 22, 24 e 27 de febreiro de 10 a 13 horas para que os veciños de Campo Lameiro poidan coñecer as instalacións e recibir información.

Este proxecto pioneiro está orientado a un envellecemento no rural que posibilite o coidado das persoas maiores residentes en Campo Lameiro na súa contorna, fomentando a súa permanencia no seu fogar e tecendo redes de colaboración entre os diferentes axentes implicados no coidado sociosanitario das persoas maiores.

Así, prestaranse servizos personalizados de apoio e coidado, infraestructuras sociosanitarias adaptadas ás persoas, inclusión comunitaria, transformación dixital, entre outros. 

Con esta iniciativa preténdese tamén demostrar que envellecer no rural con calidade é posible e que hai que preparar á poboación para o cambio de mentalidade que se experimenta nas persoas maiores de 65 anos tendo o momento da xubilación como clave para desenvolver vidas con sentido.

Tamén se pretende fomentar a prevención da dependencia, fixar poboación no rural e crear sistemas de gobernanza vinculados a dar solucións locais a retos globais: mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles e mellora da coordinación entre servizos públicos (sanidade, servizos sociais, vivenda, etc.).