O Concello de Campo Lameiro pon en marcha unha plataforma, chamada Campo Lameiro de todo para todos, co obxectivo de revitalizar a economía local fronte á crise derivada da Covid-19. Esta iniciativallegará cunha páxina web que se converterá nun escaparate interactivo virtual de comercios e servizos existentes no municipio.
A intención do equipo de goberno é concienciar á cidadanía de Campo Lameiro da necesidade de comprar, consumir e recorrer para calquera servizo ao tecido empresarial local. Para iso, o Concello recompila datos de establecementos comerciais, autónomos, empresas, industrias e emprendedores que serán ofrecidos á cidadanía.
"Pretendemos que esta iniciativa sirva de escaparate interactivo virtual onde calquera veciño ou veciña de Campo Lameiro poida satisfacer calquera necesidade, practicamente sen saír da casa", explicou o alcalde, Carlos Costa, quen desvelou que nos usuarios poderán atoparse "pequenos vídeos, fotografías de produtos e servizos e un sistema de xeolocalización para facilitar o seu acceso, teléfono, pedidos por Whatsapp ou Facebook" na plataforma.
"En definitiva, queremos explicarlle á xente que en Campo Lameiro temos de todo e para todos", concluíu o rexedor.