Dous fogares de Campo Lameiro e un establecemento comercial foron escollidos polo xurado como os lugares mellor decorados para este Nadal. Foi nun concurso que convocou o Concello para dinamizar o comercio local da vila.
Marcos Bugallo por "Un Nadal para Soñar", Eva Tilve por "Recuncho de Nadal" e o Bar Kallejas, en decoración de escaparates foron os gañadores absolutos dos respectivos concursos
"Un Nadal para Soñar" estaba orientado cara a decoración exterior de casas que se puidera observar desde a rúa. O primeiro premio foi para Marcos Bugallo Garrido, que se levará 100 euros en cheques regalo canxeables nos establecementos comerciais de Campo Lameiro.
Tamén houbo premios para Sandra Maquieira Fontán, que obtivo o segundo premio de bonos por valor de 75 euros, e María Josefa Valiño, con 50 euros.
No concurso de "Recuncho de Nadal", dedicado a valorar os adornos dos fogares dos veciños e veciñas de Campo Lameiro, o xurado outorgou o primeiro posto a Eva Tilve Campos, que recibirá un vale de 100 euros.
A segunda clasificada foi Silvia Lourido García, premiada cun bono de 75 euros, e no terceiro posto quedou Dorotea Silva Fentanes, que se levará 50 euros.
Na categoría de decoración de establecementos comerciais de Campo Lameiro o gañador foi Bar Kallejas, que levará un cheque regalo canxeable antes do 10 de xaneiro de 2021 por importe de 100 euros.
O Concello de Campo Lameiro agradeceu o difícil labor do xurado e a gran participación da veciñanza nesta primeira edición dos concursos.