Campo Lameiro impulsa un centro de estancia para persoas maiores

Umia
31 de marzo 2017

Ata 300.000 euros custará o centro de estancia para persoas maiores que quere construír o Concello de Campo Lameiro. Son moitos cartos para un municipio pequeno como o seu, por iso o alcalde, Julio Sayáns, agarda contar coa colaboración da Xunta de Galicia

Julio Sayáns, alcalde de Campo Lameiro, con Cores Tourís e Perfecto Rodríguez
Julio Sayáns, alcalde de Campo Lameiro, con Cores Tourís e Perfecto Rodríguez / Xunta de Galicia

Ata 300.000 euros custará o centro de estancia para persoas maiores que quere construír o Concello de Campo Lameiro. Son moitos cartos para un municipio pequeno como o seu, por iso o alcalde, Julio Sayáns, agarda contar coa colaboración da Xunta de Galicia.

Para iso, Sayáns mantivo unha xuntanza co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

A eles, o alcalde presentoulles o proxecto deste novo centro de estancia para persoas maiores, que suporía a construción dun centro de xestión municipal destinado á posta en marcha de actividades para o envellecemento activo.

Está previsto que o centro se constrúa no casco urbano do concello, no entorno de San Miguel. 

Para afrontar esta obra, Julio Sayáns anunciou aos representantes autonómicos que solicitará a cofinanciación tanto á Consellería de Política Social como a de Vicepresidencia.

Por outra banda, o rexedor aproveitou o encontro para analizar a boa marcha da Galiña Azul coa que conta o municipio e que dá servizo na actualidade a 18 menores de cero a tres anos, contando con 25 prazas divididas en dúas unidades.

O grado de satisfacción por parte dos usuarios, segundo avanzou o alcalde, é moi elevado e o servizo está a ser catalogado polos veciños como “moi favorable” para a fixación de poboación moza no rural.