O concello de Campo Lameiro acollerá o seu primeiro centro de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza que promove a Deputación Provincial. O persoal técnico ten previsto levar a cabo unha reunión coa veciñanza o vindeiro venres 19 de outubro para ofrecer información e aclarar dúbidas sobre esta actividade.
O encontro será ás 20.00 horas no centro sociocultural Sobrino Buhigas na Lagoa, na parroquia de San Miguel do Campo, zona na que se instalará o compostero comunitario. Aquelas persoas que non poidan acudir pero que queiran participar na utilización deste depósito de residuos orgánicos poderá apuntarse na oficina de medio ambiente do Concello de Campo Lameiro, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A intención da Deputación é que este centro de compostaxe de tres módulos entre en funcionamento a finais deste ano, sempre que se apunten un mínimo de 30 persoas.
O Concello de Campo Lameiro conta con 1.867 habitantes que se atopan divididos en seis parroquias e está inscrito no Plan Revitaliza desde 2016. Desde os servizos municipais iniciarase unha campaña entre as casas que dispoñen dunha leira para que poidan formar parte do programa de compostaxe individual.