Campo Lameiro presumirá de Capital do Turismo Rural en Fitur

Umia
21 de xaneiro 2024

O Concello de Campo Lameiro participará a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo FITUR en Madrid dentro do stand da Xunta de Galicia e do seu programa 'Galicia Parabéns'. O alcalde, Carlos Costa, será o encargado de presentar os atractivos turísticos do municipio na feira, durante un acto conxunto con Cambados e Baiona

Acto de nomeamento de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023
Acto de nomeamento de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023 / Xunta de Galicia

O Concello de Campo Lameiro participará a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo FITUR en Madrid dentro do stand da Xunta de Galicia e do seu programa 'Galicia Parabéns'.

O alcalde, Carlos Costa, será o encargado de presentar os atractivos turísticos do municipio na feira, durante un acto conxunto con Cambados e Baiona no que presentarán un vídeo elaborado para a ocasión cos principais atractivos turísticos do municipio 

Campo Lameiro participa como gañador do concurso realizado por Escapada Rural en toda España que o acredita como Capital do Turismo Rural a través dunha votación popular aberta na que participaron milleiros de persoas en todo territorio nacional.

Carlos Costa exporá as virtudes de Campo Lameiro como Capital Galega da Arte Rupestre, "xa que somos o municipio coa área de maior concentración de petróglifos do mundo"- Ademáis, presumirá de que o municipio dispon dunha arte sacra incomparable con auténticas xoias do románico, infinidade de elementos de carácter etnográfico, muíños, cruceiros, petos de ánimas, capelas…; e de que é o balcón dos meandros do río Lérez. Tamén presumirá de gastronomía, servida polos mellores establecementos hostaleiros da provincia.

En Fitur tamén se distribuirán folletos informativos e o alcalde manterá unha conversa cos turoperadores asistentes e público en xeral.

Carlos Costa tamén sinala que Campo Lameiro non só destaca polas súas paisaxes, igrexas, tradicións, festas ou excelente gastronomía, senón tamén pola súa poboación, "os nosos paisanos e paisanas que son o auténtico secreto que paga a pena descubrir, coñecer, explorar e mesmo amar".

"Non hai unha soa persoa que visitase Campo Lameiro e regresase con indiferenza ao seu lugar de orixe. Esta visita representou nas súas vidas un antes e un despois", presume.