O Concello de Campo Lameiro habilitou estes días un procedemento para que a veciñanza poida presentar alegacións aos tres proxectos eólicos que veñen a exposición pública: Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas (proxecto PEol-922 AC), cuxas solicitudes de Autorización Administrativa Previa e Estudos de Impacto Ambiental se publicaron no BOE o pasado 7 de xullo.
Os interesados poden retirar os documentos para presentar as alegacións no propio Consistorio para formalizalas dentro do prazo correspondente no marco do proceso de información pública.
As instalacións e as súas infraestruturas de evacuación afectarían aos termos municipais de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, A Estrada, Fornelos de Montes e Covelo.
Os datos publicados no BOE recollen as características técnicas das propostas: o parque Chamarrapio, con 53,79 MW e 14 aeroxeradores; Alamoceiros, con 68,49 MW e 13 muíños eléctricos; e Xubrintas, con 61,95 MW e outros 13 aeroxeradores.
Os promotores sinalados son as sociedades SL Galveosaurus Invest, Fukuiraptor Invest e Dakotaraptor Invest, que comparten sede social na cidade da Coruña.
Para facilitar a comprensión do expediente e asesorar na elaboración de alegacións, o Concello contratou os servizos da empresa Tysgal.
Os técnicos van manter unha xuntanza informativa aberta ao público este vindeiro luns 18 de agosto ás 20.00 horas no Auditorio Sobrino Buhigas.
No encontro, segundo informan fontes municipais, o persoal técnico explicará os pormenores dos proxectos e atenderán consultas dos afectados.
A iniciativa municipal pon o foco na participación cidadá ante un proceso que pode condicionar a ordenación do territorio e a xestión das infraestruturas enerxéticas na comarca.