Cando camiñar máis alá de Pasarón mete medo

Pontevedra
10 de decembro 2020

A veciñanza alerta de que en máis de catro ocasións durante as últimas dúas semanas na Avenida da Coruña, Juan Bautista Andrade e Médico Ballina quedaron sen iluminación do alumeado público durante a noite sen que recibiran explicación por parte das autoridades municipais. Os residentes afirman que se viron obrigados a iluminar o camiño ata as súas vivendas cos móbiles

Imaxe durante a noitiña deste martes 8 de decembro na rúa Juan Bautista Andrade
Imaxe durante a noitiña deste martes 8 de decembro na rúa Juan Bautista Andrade

Este martes pola noite volvía suceder. Polo menos era a cuarta vez nun prazo de 15 días en que as rúas Juan Bautista Andrade, Médico Ballina e Avenida da Coruña quedaban sen iluminación pública. 

Durante eses días, os farois destas rúas situadas máis alá do Estadio Municipal de Pasarón en dirección á parroquia de Lérez non se acenden á hora prevista cando comeza a anoitecer e, nalgunha ocasión, permaneceron apagadas durante toda a noite. O vecindario amosa a súa indignación nas redes sociais e trasladaron as súas queixas á redacción de PontevedraViva explicando que esta falta de iluminación provoca unha sensación de inseguridade para os peóns en toda a contorna.

Desta forma, relatan que se viron obrigados a alumar o paso cos seus teléfonos móbiles e con temor a ser atropelados ao cruzar de beirarrúa ante a notable falta de visibilidade ou mesmo a caer ao non poder ver por onde pisan. Algunha das persoas residente nestas rúas afirma que chamaron en varias ocasións á Policía Local para trasladar a súa preocupación por esta incidencia pero ata o momento ninguén lle ofrece unha solución a este problema que se repite.

Mesmo, algúns veciños indican que estes apagamentos repítense coa chegada do inverno durante os últimos anos e solicitan unha solución do Concello de Pontevedra para evitar situacións de risco ao camiñar por estas rúas á noitiña.