A cantina do Paseo Alcalde Blanco, en oferta por dous anos cun canon mínimo de 209 euros mensuais

Marín
08 de xullo 2025
Actualizado: 20:06

É un local de 184 metros cadrados de superficie, que debe utilizarse como cafetería-restaurante. O canon mínimo polo que sae a explotación é de 2.516,04 euros ao ano, é dicir, 209,67 euros ao mes

Instalacións de 'La cantina del muelle', no Paseo Alcalde Blanco
Instalacións de 'La cantina del muelle', no Paseo Alcalde Blanco / Concello de Marín

A coñecida como La Cantina del Muelle, que está situada no inicio do Paseo Alcalde Blanco, busca novos inquilinos para os próximos dous anos.

O goberno municipal de Marín iniciou o proceso de licitación destas instalacións, que se concederán en réxime de alugueiro ao mellor postor.

É un local de 184 metros cadrados de superficie, que debe utilizarse como cafetería-restaurante.

O canon mínimo polo que sae a explotación é de 2.516,04 euros ao ano, é dicir, 209,67 euros ao mes, e o contrato será por dous anos, cunha posible prórroga doutros dous anos.

As persoas interesadas en concorrer á licitación deben puxar por ese canon ou máis, segundo consideren, presentando a súa proposta a través da plataforma de contratación do sector publico, onde se recollen os pregos técnicos e administrativos.

Instalacións de 'La cantina del muelle', no Paseo Alcalde Blanco
Instalacións de 'La cantina del muelle', no Paseo Alcalde BlancoConcello de Marín

O prazo para presentar ofertas remata o luns 14 de xullo.

Será por conta da persoa arrendataria a adaptación interior que, no seu caso, deba realizarse para a súa explotación, así como os gastos de mantemento que se xeren.

Ademais, estará obrigada a conservalo en perfecto estado, debendo entregalo en perfectas condicións e nun correcto estado de limpeza.

Tamén será por conta da persoa que vaia explotar o local a realización de todas as obras de reforma, reparación, conservación e mantemento que deban facerse no local, sempre contando coa autorización previa do Concello.

O persoal empregado e os gastos que se xeren en canto a auga, limpeza ou outros propios da actividade a desenvolver, tamén correrán a cargo da persoa encargada da súa xestión.

O local poderá permanecer pechado por vacacións durante un mes ao ano, excluíndo o período estival, entendendo que este vai de maio a setembro.