Carballedo estrea este venres a Feira de Pascua

Cerdedo Cotobade
12 de abril 2017

As previsións que manexa o Concello apuntan a que este certame será un dos máis concorridos pola coincidencia coas datas festivas da Semana Santa. A feira conta con máis de vinte postos de roupa, calzado, artesanía, alimentación e fogar e unha polbeiría do Carballiño

Unha persoa cortando polbo
Unha persoa cortando polbo / Juan Mejuto

Carballedo estreará este venres 14 de abril, a celebración dunha Feira de Pascua no seu mercado mensual despois da súa creación o pasado mes de xullo.

Deste xeito, agárdase que este certame sexa un dos máis concorridos dos celebrados ata a data pola coincidencia coas datas centrais da Semana Santa. Tras dez edicións, será a primeira vez que o mercado de Carballedo teña lugar nunha data festiva.

A cita comercial celebrou ata o momento un total de nove edicións, sempre o segundo venres de cada mes, e acumula globalmente preto de 4.500 asistentes, polo que o goberno local apunta a que o venres superarase o listón dos 5.000 clientes.

A cifra confirma as boas espectativas do Concello de Cerdedo-Cotobade cando se optou pola súa creación como medida de dinamización comercial e social da capital municipal. Neste senso, o goberno está moi satisfeito da súa evolución, paseniña pero constante, e sobre todo en ter convertido esta feira nunha cita imprescindible para cada vez máis veciños.

A feira conta na actualidade con entre 20 e 25 postos por edición que ofrecen roupa, calzado, produtos de alimentación, artesanía e pezas de fogar, entre outros, e tamén conta cun demandado servizo de polbeiría a cargo da empresa A Fuchela, procedente do concello ourensán do Carballiño.