A carballeira de Caldas encara o final da súa transformación con 1,45 millóns de investimento

Umia
15 de abril 2026

A intervención está financiada polo Ministerio de Industria e inclúe a recuperación integral deste ben patrimonial, así como a creación dunha experiencia turística máis atractiva

Visita de Abel Losada á carballeira de Caldas de Reis
Visita de Abel Losada á carballeira de Caldas de Reis / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, regresou á carballeira de Caldas de Reis para supervisar o estado das actuacións que están a piques de concluír neste espazo emblemático.

Trátase dun proxecto de posta en valor do conxunto patrimonial, financiado con 1,45 millóns de euros procedentes do Ministerio de Industria a través dun programa estatal orientado a reforzar o atractivo turístico do patrimonio histórico.

Losada lembrou que esta intervención forma parte dun paquete máis amplo de investimentos na provincia de Pontevedra, que alcanza os 4 millóns de euros. A maiores, a Deputación de Pontevedra tamén obtivo 2,5 millóns para unha actuación similar no Castelo de Soutomaior.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo actual rexedor, Jacobo Pérez, polo tenente de alcalde, Manuel Fariña e polo exalcalde Juan Manuel Rey, Losada puxo o acento na continuidade institucional destes proxectos.

Segundo destacou, tanto esta iniciativa como a do castelo foron impulsadas no anterior mandato e están a culminarse con gobernos distintos, algo que cualificou como habitual en obras de certa complexidade administrativa e técnica.

A intervención na carballeira inclúe a recuperación integral deste ben patrimonial, así como a creación dunha experiencia turística máis atractiva.

Entre as melloras, figura unha nova ruta dos muíños pavimentada con pedra que recrea antigas moas, a posta en marcha dun centro de interpretación, a instalación de sistemas de monitorización intelixente e enerxía solar, e a renovación da sinalización e dos accesos.

O proxecto complétase con ferramentas de xestión moderna e iniciativas de participación cidadá.

Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia dos fondos europeos na execución destas actuacións, subliñando o papel do Goberno central tanto na captación dos recursos Next Generation como na súa distribución a través de convocatorias abertas que permiten aos concellos acceder a financiamento para mellorar servizos e infraestruturas locais.